Arquitectura Civil

O pasado e o futuro converxen en Lalín. Pontes medievais de pedra coma a Ponte Taboada ou a Ponte dos Cabalos conviven coa acristalada arquitectura de vangarda do Castro Tecnolóxico. Na vangarda científica estivo tamén o que foi o primeiro observatorio astronómico de Galicia, construído por Don Ramón Mª Aller en 1924, e no que, a día de hoxe, despois do seu acondicionamento, se levan a cabo visitas e actividades de observación do firmamento.

Como exemplo de arquitectura industrial, pervive o edificio da fábrica de papel de Rodís, fundada arredor do ano 1850, hoxe vivenda familiar.

Os pazos, as construcións mais características da nobreza fidalga de Galicia contan no municipio con mais de trinta exemplares. Algúns, privados dos seus moradores, resisten a duras penas o paso do tempo, mantendo a súa dignidade, mirando con esperanza ao Pazo de Liñares que estivo a punto de converterse en sombra de si mesmo e que agora, renacido coma unha ave fénix, móstrase aos visitantes en todo o seu esplendor. Outros conservan a súa función de vivenda, ou convertéronse en establecementos rurais que acollen co seu señorío  aos seus privilexiados hóspedes.

E se o que se quere é desfrutar da arquitectura popular, basta con dar un paseo polo rural para admirar construcións funcionais coma os muíños de auga, hórreos, lavadoiros, ou os balados de pedra que son a alma da nosa paisaxe.

Ponte Taboada

Esta ponte de pedra pertencía ao camiño real que unía as cidades de Santiago e Ourense. Substituíu con seguridade a pontes anteriores construídas no mesmo punto, probablemente de madeira, das que tomaría o nome (Pons Tabulata, ponte de táboas, ponte taboada). Conta cun só arco de medio punto, que alcanza unha altura duns nove metros sobre o nivel da auga. Está construída aproveitando dúas penas que estreitan o curso do río Deza. Ademais da ponte consérvase parte da calzada de acceso á mesma.

Construída na era 950 (que corresponde ao ano 912), como pode verse na inscrición realizada na cara plana dunha gran pena próxima. O contido de dita inscrición, parcialmente perdido, foi recuperado polos investigadores lalinenses Francisco Rubia e César Gómez gracias a un calco feito en 1890 por D. Carlos Taboada Rada, señor do Pazo de Liñares situado moi preto. Nel pode lerse: “LaVORABERVNT isTA PONTE In ERA DCCCCL eT FVIT PERFECTA pRIDIE KL DS APIES”(Labraron esta ponte na era 950 e foi terminada o 31 de marzo)

Ademais do seu valor histórico e arquitectónico, esta ponte está situada nun fermoso entorno onde se respira paz e se ten a sensación de que o tempo quedara detido en séculos pasados.

Actualmente sirve de paso para os peregrinos que percorren a Vía da Prata ou o Camiño de Inverno, ambos cun mesmo trazado despois do albergue de A Laxe, na parroquia de Bendoiro.

Coordenadas
42.6795278, -008.2099167
Imagen Ponte Taboada