Arquitectura Civil

O pasado e o futuro converxen en Lalín. Pontes medievais de pedra coma a Ponte Taboada ou a Ponte dos Cabalos conviven coa acristalada arquitectura de vangarda do Castro Tecnolóxico. Na vangarda científica estivo tamén o que foi o primeiro observatorio astronómico de Galicia, construído por Don Ramón Mª Aller en 1924, e no que, a día de hoxe, despois do seu acondicionamento, se levan a cabo visitas e actividades de observación do firmamento.

Como exemplo de arquitectura industrial, pervive o edificio da fábrica de papel de Rodís, fundada arredor do ano 1850, hoxe vivenda familiar.

Os pazos, as construcións mais características da nobreza fidalga de Galicia contan no municipio con mais de trinta exemplares. Algúns, privados dos seus moradores, resisten a duras penas o paso do tempo, mantendo a súa dignidade, mirando con esperanza ao Pazo de Liñares que estivo a punto de converterse en sombra de si mesmo e que agora, renacido coma unha ave fénix, móstrase aos visitantes en todo o seu esplendor. Outros conservan a súa función de vivenda, ou convertéronse en establecementos rurais que acollen co seu señorío  aos seus privilexiados hóspedes.

E se o que se quere é desfrutar da arquitectura popular, basta con dar un paseo polo rural para admirar construcións funcionais coma os muíños de auga, hórreos, lavadoiros, ou os balados de pedra que son a alma da nosa paisaxe.

Ponte Taboada (nova)

Construída entre 1861 e 1863, substituía á vella ponte do s.X que augas arriba atravesa o río Deza - e que continúa a ser transitada por sendeiristas e peregrinos que seguen a Vía da Prata camiño de Santiago-. Nese momento foi coñecida como “Ponte Taboada Nova” e adecuabase máis ó tránsito de carruaxes, en particular porque o vello camiño real e máis a ponte tiñan un firme composto de pedras irregulares que facían penosa e lenta a circulación dos mesmos.

Está realizada en pedra de cantería e formada por catro arcos iguais. A súa lonxitude é de uns 70 m e ten unha altura de cerca de 40, o que o converte nunha atalaia excepcional sobre o río Deza. Dende ela podemos ver a moderna ponte da estrada N-525 (construída en 1973), o viaduto do ferrocarril de mediados dos anos 50 do século pasado, e a estación de tren de Taboada. O entorno do río, coa súa vexetación de ribeira, dota a esta ponte dun encanto especial pola paisaxe que dende ela se observa.

A Vía da Prata lévanos dende a ponte nova á ponte vella por un fermoso camiño, e vale a pena para peregrinos e camiñantes volver a vista atrás e pararse a contemplar a impoñente silueta desta ponte do s.XIX.

Coordenadas
42.6814167, -008.2065556
Imagen Ponte Taboada (nova)