Esculturas

Lalín é terra de artistas e de amantes da arte, e iso nótase nas rúas. Unha boa forma de percorrer a vila é descubrindo as súas esculturas. Algunhas téñense convertido en símbolos do concello, coma a adicada ó aviador Loriga, ou a estatua do porco.

Unhas monumentais, outras discretas, unhas figurativas, outras abstractas. Todas teñen unha historia detrás, anímate a descubrila!

Monumento a Joaquín Loriga
Autor
Francisco Asorey
Ano
1933
Materiais
Bronce e granito
Enderezo
Parque de Joaquín Loriga
Coordenadas
42.6621111, -008.1129722

O monumental conxunto sitúase sobre o emprazamento da antiga torre medieval testemuñal do nacemento da vila de Lalín, convertido hoxe nunha das súas prazas máis céntricas.

O autor aplicando as novidades que se estaban a dar no poscubismo europeo, bota man dun método definido polo esquematismo e a simplificación, e deste xeito xeometriza os volumes perfilándoos case que coma puras estructuras arquitectónicas, mais sen deixar de lado a forza vital do expresionismo; e con esa admirable claridade concibe este monumento, dispoñendo un primeiro corpo en talude de grandes e regulares bloques graníticos, cunha discreta coroa de metal entre dúas palabras en bronce coma única decoración. Nas ás do "aparello", desprega dous relevos de gran forza expresionista coas figuras alegóricas de España e Filipinas en actitude de voo. Ambas estreitan as súas mans baixo o nome e a figura do aviador en símbolo da alianza acadada en 1926 co prodixioso "raid" Madrid - Manila, realizado por Loriga na compaña de Gallarza e Estévez. Diante da cola do avión fincado verticalmente na terra, está a estatua do aviador co seu casco, e insistindo de novo nas ideas de austeridade e mesura, o escultor troca o uniforme militar polo de mecánico, e acomoda as mans sobre unha hélice, ó tempo que sostén un pergamiño. O rostro e a man esquerda son de bronce. A limpeza de liñas é palpable na acertada silueta do avión afociñado en terra suxerindo a forma dunha cruz. A idea da cruz vese á vez reforzada na colocación da sinxela imaxe do piloto con respecto das dúas figuras voadoras. O monumento amosa un esquema marcadamente simétrico que o carga de hieratismo.

(Texto traducido, orixinal de : Alicia Fernández Dapena)

Imagen Monumento a Joaquín Loriga