Arquitectura Civil

O pasado e o futuro converxen en Lalín. Pontes medievais de pedra coma a Ponte Taboada ou a Ponte dos Cabalos conviven coa acristalada arquitectura de vangarda do Castro Tecnolóxico. Na vangarda científica estivo tamén o que foi o primeiro observatorio astronómico de Galicia, construído por Don Ramón Mª Aller en 1924, e no que, a día de hoxe, despois do seu acondicionamento, se levan a cabo visitas e actividades de observación do firmamento.

Como exemplo de arquitectura industrial, pervive o edificio da fábrica de papel de Rodís, fundada arredor do ano 1850, hoxe vivenda familiar.

Os pazos, as construcións mais características da nobreza fidalga de Galicia contan no municipio con mais de trinta exemplares. Algúns, privados dos seus moradores, resisten a duras penas o paso do tempo, mantendo a súa dignidade, mirando con esperanza ao Pazo de Liñares que estivo a punto de converterse en sombra de si mesmo e que agora, renacido coma unha ave fénix, móstrase aos visitantes en todo o seu esplendor. Outros conservan a súa función de vivenda, ou convertéronse en establecementos rurais que acollen co seu señorío aos seus privilexiados hóspedes.

E se o que se quere é desfrutar da arquitectura popular, basta con dar un paseo polo rural para admirar construcións funcionais coma os muíños de auga, hórreos, lavadoiros, ou os balados de pedra que son a alma da nosa paisaxe.

Imaxe: Pazo de Liñares

Pazo de Liñares Pazo de estilo barroco do século XVII. Foi casa dos Taboada, unha das linaxes mais importantes de Galicia.

Imaxe: Ponte Taboada (Século X)

Ponte Taboada (Século X) Esta ponte de pedra pertencía ao camiño real que unía as cidades de Santiago e Ourense.

Imaxe: Ponte Taboada (Século XIX)

Ponte Taboada (Século XIX) Construída entre 1861 e 1863, substituía á vella ponte do século X que augas arriba atravesa o río Deza.

Imaxe: Pazo de Anzuxao

Pazo de Anzuxao Foi fundado no século XVI, aínda que o edificio actual é do século XVIII.

Imaxe: Pazo de Bendoiro

Pazo de Bendoiro A súa orixe remóntase ao século XVI. Co paso dos séculos sufriu numerosas modificacións, sobre todo no século XIX.

Imaxe: Observatorio Astronómico

Observatorio Astronómico Situado no que foi xardín da casa do fillo ilustre de Lalín, D. Ramón Mª Aller Ulloa convertida dende o ano 1986 en museo municipal.

Imaxe: Castro Tecnolóxico

Castro Tecnolóxico Edificio vangardista inaugurado en 2013, construido polos arquitectos Luís M. Mansilla e Emilio Tuñón.

Imaxe: Antiga Fábrica de Papel de Rodís

Antiga Fábrica de Papel de Rodís Este edificio situado na parroquia de Rodís é unha grande nave industrial construída en cadeirado de pedra a mediados do século XIX.

Imaxe: Ponte dos Cabalos

Ponte dos Cabalos Construída no ano 970, sobre o río Arnego. É a que se conserva das seis cosntruídas na Idade Media para enlazar a bisbarra de Deza con Antas de Ulla.