Esculturas

Lalín é terra de artistas e de amantes da arte, e iso nótase nas rúas. Unha boa forma de percorrer a vila é descubrindo as súas esculturas. Algunhas téñense convertido en símbolos do concello, coma a adicada ó aviador Loriga, ou a estatua do porco.

 

Unhas monumentais, outras discretas, unhas figurativas, outras abstractas. Todas teñen unha historia detrás, anímate a descubrila!

A familia
Autor
Buciños (Manuel García Vázquez)
Ano
1993
Materiais
Bronce e granito
Enderezo
Rotonda no parque empresarial Lalín 2000, Bergazos - Lalín
Coordenadas
42.6721944, -008.1492222

O traballo ten dúas partes diferenciadas de material, forma, definición e acabado. Por unha banda a estructura do basamento: cinco pezas feitas con pedra, textura de bigarda gorda, xeometría de paralelepípedos distribuídos irregularmente como unha especie de escada que chega enriba dun monolito. Doutra banda, nova superposición-acumulación de elementos, agora humanos; familia proletaria que se alza ó ceo sen separarse dunhas pezas dentadas que simulan rodas industriais; alusión directa á elevación da familia a través do traballo. Marcado contraste entre o macizo pedestal de liñas rectas e a escultura curvada e recortada por múltiples ocos coa intención de alixeira-las figuras que avanzan unidas cara ó infinito.

(Texto: Alicia Fernández Dapena)

Imagen A familia