Esculturas

Lalín é terra de artistas e de amantes da arte, e iso nótase nas rúas. Unha boa forma de percorrer a vila é descubrindo as súas esculturas. Algunhas téñense convertido en símbolos do concello, coma a adicada ó aviador Loriga, ou a estatua do porco.

 

Unhas monumentais, outras discretas, unhas figurativas, outras abstractas. Todas teñen unha historia detrás, anímate a descubrila!

Monumento a Ramón María Aller Ulloa
Autor
Francisco Asorey
Ano
1960
Materiais
Bronce, ferro e granito branco, negro e vermello
Enderezo
Xardíns da Praza da Igrexa
Coordenadas
42.6611944, -008.1111944

Nun lateral da igrexa da súa vila natal, no centro dun estanque circular dobre, sobre un sobrio pedestal no que só aparece algún símbolo astronómico, érguese a figura do astrónomo Ramón María Aller Ulloa. A perfecta cantería deste maxistral pedestal destaca con destreza as cavidades da esfera armilar, que coas súas curvas de ferro provoca suxestivos efectos de sombras. A figura de canón simétrico, proporcionada e sinxela, cruza as mans quedamente sobre o astrolabio e as táboas, atributos da Astronomía. Don Ramón aparece caracterizado cos seus hábitos sacerdotais amosando sobre o seu corazón a cruz de Santiago en distintos matices. Simbolizando a ledicia e modestia do astrónomo, Asorey esculpiu un rostro sereno, de sorriso bondadoso. Na obra campan algúns símbolos da disciplina que cultivou baixo as sempre parcas lendas asoreianas, agora só co primeiro apelido do sabio e os rotundos vocábulos de "Ciencia" e "Virtud"; lemas que resumen a súa vida. Esta escultura que media, como o seu protagonista, entre o ceo e a terra, recolle perfectamente o talante modesto de Ramón Aller e subliña a paz e serenidade da súa persoa. Estatua e pedestal harmonizan axeitadamente en simplicidade e esquematismo, e aparecen definidos por unha sinxeleza que non lle resta importancia ningunha ó conxunto. A bela policromía acadada mediante a alternancia de granito de cores acrecenta o sumo interese de tan exquisita obra. (Texto: Alicia Fernández Dapena)

Imagen Monumento a Ramón María Aller Ulloa