Museos

Como sucede cos agasallos, nos museos o importante está no interior, pero o envoltorio desata a nosa imaxinación tentando anticipar que é o que nos agarda dentro. Un pazo do século XVIII restaurado con gusto exquisito, unha aldea na que contido e continente se funden, a vivenda dun xenio científico, un edificio de vangarda, e ata a propia natureza no seu esplendor fan dos museos de Lalín lugares fascinantes.

No museo do Xoguete e a Marioneta achegaraste a estes marabillosos mundos. Coñecerás a súa evolución a través de pezas de distintas épocas, no caso dos xoguetes, e no caso das marionetas, a súa influencia nas culturas de todo o mundo a través de pezas que te farán viaxar polos distintos continentes. No museo etnográfico Casa do Patrón podes comprender como era a vida no rural a través dos seus obxectos de uso cotián, descubrir cos teus fillos o aspecto dunha escola de principios do século pasado, ou ver como eran os cuartos das casas dos nosos devanceiros. No museo municipal Ramón Mª Aller poderás saber mais da vida deste sabio lalinense e da súa contribución á astronomía.

Admirarás unha escolma da obra dun dos pintores galegos mais recoñecidos, José Otero Abeledo “Laxeiro”, e desfrutarás das exposicións temporais de arte que periodicamente teñen lugar no museo. Os castros da comarca de Deza, as súas lendas, e a súa relación coa gastronomía actual teñen protagonismo no centro Castrodeza. E finalmente, o Museo da Paisaxe, onde o material exposto son as montañas, os prados, os ríos, as vivendas e as granxas... e todo ¡a tamaño natural!