Museos

Como sucede cos agasallos, nos museos o importante está no interior, pero o envoltorio desata a nosa imaxinación tentando anticipar que é o que nos agarda dentro. Un pazo do século XVIII restaurado con gusto exquisito, unha aldea na que contido e continente se funden, a vivenda dun xenio científico, un edificio de vangarda, e ata a propia natureza no seu esplendor fan dos museos de Lalín lugares fascinantes.

No museo Galego da Marioneta achegaraste ó marabilloso mundo dos monicreques. Coñecerás a súa influencia nas culturas de todo o mundo a través de pezas que te farán viaxar polos distintos continentes. No museo etnográfico Casa do Patrón podes comprender como era a vida no rural a través dos seus obxectos de uso cotián, descubrir cos teus fillos o aspecto dunha escola de principios do século pasado, ou ver como eran os cuartos das casas dos nosos devanceiros. No museo municipal Ramón Mª Aller poderás saber mais da vida deste sabio lalinense e da súa contribución á astronomía.

Admirarás unha escolma da obra dun dos pintores galegos mais recoñecidos, José Otero Abeledo “Laxeiro”, e desfrutarás das exposicións temporais de arte que periodicamente teñen lugar no museo. Os castros da comarca de Deza, as súas lendas, e a súa relación coa gastronomía actual teñen protagonismo no centro Castrodeza. E finalmente, o Museo da Paisaxe, onde o material exposto son as montañas, os prados, os ríos, as vivendas e as granxas... e todo ¡a tamaño natural!

Museo municipal Ramón Mª Aller Ulloa

Esta casa de finais do século XIX foi a residencia do astrónomo Ramón Mª Aller Ulloa, nacido no pazo de Filgueiroa (Lalín) en 1878. Nela, a comezos do século XX, pódese dicir que empezou a investigación astronómica en Galicia, xa que dende a galería, Ramón Aller fixo as primeiras observacións sobre pasos de Mercurio por diante do Sol, eclipses, ocultacións, medidas de estrelas dobres ou aspectos de planetas. Posteriormente construíu dúas casetas de madeira no xardín (1912-1917) para levar a cabo estas tarefas. No ano 1923 fixo os planos dunha nova construción con cúpula, que foi inaugurada ao ano seguinte creando así o primeiro observatorio astronómico de Galicia.

Foi adquirida polo Concello para adicala a Casa Museo de Fillos Ilustres de Lalín e inaugurada como tal en 1989.

Na planta baixa do edificio atopamos de forma permanente o despacho do ilustre D. Ramón Mª Aller, nunha sala que xunto co espazo anexo, outrora patio que rodeaba a vivenda, acolle exposicións temporais de arte.

A primeira planta está adicada ao pintor e fillo ilustre José Otero Abeledo “Laxeiro” e nela podemos contemplar varias das súas obras de xeito permanente, un dos grandes artistas renovadores pertencentes a vangarda histórica galega.

No exterior, atopamos o mencionado Observatorio Astronómico, recentemente recuperado, así como unha estatua, en pedra, do pintor “Laxeiro”, obra de Luís Ferreiro “O Vila”.

O Museo conta cunha ampla programación de eventos culturais, sobresaíndo a Bienal de Arte “Pintor Laxeiro” que se celebra dende o ano 1993.

Axenda
De luns a venres: 10:00 a 14:00, 16:00 a 20:30
Sábados e domingos: Pechado
Visitas
De balde. Grupos con reserva previa.
Enderezo
Rúa Ramón Aller, 9 - 36500 Lalín
Teléfono
986 784 004
Fax
986 782 042
Correo electrónico
museo@lalin.gal
Coordenadas
42.6612500, -008.1133333
Imagen Museo municipal Ramón Mª Aller Ulloa