Espazos naturais

Falar de Lalín é falar de natureza, de miradoiros dende os que descubrir que o verde, o ocre, o amarelo ou o púrpura teñen centos de matices. Carballeiras, soutos e fragas de conto engalanan este municipio. Impoñentes árbores como os carballos de Vilatuxe, Espinosa ou Bermés, a sobreira do Vento, a árbore do incenso de Rodís, e tantos outros, elévanse como maxestosos centinelas do paso da historia.

Lugares máxicos como o Souto de Quiroga, a carballeira de Barcia ou a do Rodo, tesouros medioambientais como a Serra do Candán ou o Sobreiral do Arnego, son lugares que invitan a pechar os ollos e escoitar o piar dos paxaros, o vento acariñando as follas, o rumor dos centos de regatos e fervenzas onde sentir o abrigo no inverno, o frescor no verán, o perfume das flores na primavera, ou o arrecendo das alfombras de follas no outono ¿Canto tempo fai que non sentes unha paz semellante?

Sobreiras do Arnego

Zona declarada ZEC (Zona Especial de Conservación) dentro da Rede Natura 2000. Tamén é unha zona considerada LIC (Lugar de Interese Comunitario). Ten unha extensión de 1.124 hectáreas, compartidas cos municipios de Agolada e Vila de Cruces. No concello de Lalín comprende parte das parroquias de A Veiga, Cadrón, Galegos, Muimenta, Parada e Rodís. Esténdese polas ladeiras do treito medio e inferior do val do río Arnego ata a súa desembocadura no encoro de Portodemouros, no río Ulla.

A sobreira, presente en Galicia só nas zonas máis abrigadas dos vales fluviais, ten nas beiras deste río un dos bosques mixtos mellor conservados e máis extensos da comunidade, algúns dos exemplares chegan ata os 25 metros de altura. A existencia desta especie e de outras como o érbedo é posible nesta zona grazas as condicións climáticas de tipo mediterráneo.

Durante séculos a cortiza extraída destas sobreiras foi aproveitada para a fabricación de cortizos para as abellas. Na actualidade esta labor é levada a cabo por especialistas de Portugal, país con gran tradición corticeira.

Algunhas especies de fauna, ameazadas, atopan neste lugar un refuxio para a súa supervivencia, especialmente aquelas asociadas ao curso do río como a lontra, a aguaneira ou o mexillón de río que ten no Arnego unha das súas últimas poboacións de cría de todo Europa.

Coordenadas aldea de Rodís
42.7596111, -008.0866389
Imagen Sobreiras do Arnego
Leaflet | © OpenStreetMap contributors.