Prehistoria

Os numerosos recursos naturais do noso territorio, con abundancia de ríos e bosques, caza e pesca, fixeron que a comarca de Deza e o noso concello en particular fose poboado dende tempos antigos. Proba disto son as múltiples pegadas que os nosos devanceiros deixaron como testemuños do seu paso. Por todo o municipio numerosas construcións megalíticas así o evidencian, sendo as mais coñecidas, por seren as únicas escavadas ata o momento e pola súa singularidade, as do conxunto Mámoas da Cruz, en Alperiz. Tamén  é destacable a cantidade de castros, asentamentos da idade de ferro, que temos no municipio, mais de trinta, o que nos converte nun dos lugares de Galicia con maior concentración destes enclaves típicos da cultura castrexa. En case tódalas parroquias podemos atopar algún, ou varios, destes asentamentos que permanecen no maxín popular como lugares habitados por seres máxicos, protagonistas das marabillosas historias e lendas. Para coñecer mais sobre a cultura castrexa podemos visitar o centro Castrodeza, o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico no Pazo de Liñares, as excavacións do Castro do Penedo en Doade, ou pasear polo Castriño de Bendoiro, escavado e sinalizado con paneis polo ADIF por mor do paso do tren de alta velocidade e a quen compete o seu mantemento.

Altar do sol e mámoas de Alperiz

Segundo o catálogo arqueolóxico do concello de Lalín do ano 1999, estas mámoas formaban parte dun conxunto de sete, coñecido como Mámoas da Cruz, das que na actualidade só se conservan tres.

A Mámoa da Cruz, nela pódese apreciar perfectamente o túmulo de terra e albiscar os 5 esteos que sobresaen da cámara e a pedra de cubrición movida. Nesta hai un oco no que se cre que en algún momento poido haber chantada unha cruz, de ahí o seu nome. Foi recoñecida polo departamento de Cultura da Xunta de Galicia en 2011

Coordenadas: 42º42'55.4''N 8º01'58.7''W

O Altar do Sol, nome co que a coñecen os veciños, correspóndese cun recinto pechado formado por 7 esteos e presidido por unha gran pedra con dous rebaixes en forma de círculo orientado cara o nacente. Foi declarado BIC como monumento histórico artístico en 1974.

Coordenadas: 42º42'52.5''N 8º01'56.6''W

A Mámoa do Cruce, chamada así por estar xusto no cruce de entrada a Alperiz, a beira da estrada. Un dos esteos que se conservan sobresae 1.5 metros de alto e nel pódese ver un gravado con motivos serpentiformes, orientado cara o leste.

Coordenadas: 42º42'51.5''N 8º01'59.2''W

Existen duas mámoas máis situadas na coñecida como Zarra do Canal que tamén se conservan.

Todas elas pertencen ao Neolítico e foron saqueadas, ao igual que a maioría das existentes en Galicia, tras a licenza concedida por Felipe III a Vazquez de Orxas en 1609, para recuperar os posibles tesouros existentes no seu interior para a Facenda Real, aínda que moitas delas foron saqueadas polos campesiños movidos pola “febre do ouro” creada.

Imagen Altar do sol e mámoas de Alperiz