Esculturas

Lalín é terra de artistas e de amantes da arte, e iso nótase nas rúas. Unha boa forma de percorrer a vila é descubrindo as súas esculturas. Algunhas téñense convertido en símbolos do concello, coma a adicada ó aviador Loriga, ou a estatua do porco.

 

Unhas monumentais, outras discretas, unhas figurativas, outras abstractas. Todas teñen unha historia detrás, anímate a descubrila!

Ó emigrante
Autor
José Mª Acuña
Ano
1986
Materiais
Bronce e granito
Enderezo
Praza da Vila
Coordenadas
42.6603611, 42.6603611, -008.1113056

Pequeno monolito de granito, de forma paralelepípeda e con remate piramidal. Na súa fronte un baixorrelevo de bronce recolle con gran naturalismo unha emotiva escena alusiva á emigración. No marco dunha paisaxe rural, unha parella de vellos labregos, de costas ó espectador, despiden un barco que se afasta ó lonxe. No extremo superior esquerdo, nunha incisión pintada, leva o escudo de Lalín coa banda requintada de dous leóns e a árbore. A pesar de que os relevos de Acuña non son tan coñecidos como as súas esculturas, recoñéceselle o mesmo costumismo que aplica no vulto redondo.

(Texto: Alicia Fernández Dapena)

Imagen Ó emigrante