Últimas novidades

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, presentou o novo proxecto do Concello de Lalín para iniciar a creación dunha área de autocaravanas. A parcela na que se vai construír este servizo sitúase na zona denominada Agro de Lalín de Arriba, nunha propiedade municipal lindante coa rúa da Arribada. En total acondicionaranse 500 metros cadrados dun predio que ten unha superficie de 2.128, o que permitirá a creación de 10 prazas limitadas para o estacionamento destes vehículos de ocio. Para a execución do parque será preciso levar ao seguinte Pleno o cambio de uso dos terreos.

2.162 persoas coñeceron a casa señorial entre os meses de xaneiro e marzo, frontes ás 1.643 que o fixeran o ano pasado no mesmo período. Francisco Vilariño mostrouse satisfeito con estas cifras que “son froito das diversas iniciativas levadas a cabo para converter o Pazo de Liñares nun dos grandes referentes para a atracción de turismo ao municipio”.

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, anunciou onte que a multinacional coreana da electrónica e da tecnoloxía, SAMSUNG, rodará un spot publicitario no que se promocionará unha televisión de última xeración en Lalín. A gravación terá lugar de xeito íntegro dentro do consistorio lalinense deseñado polos arquitectos Mansilla e Tuñón e terá como elemento de referencia a escaleira helicoidal que destaca no vestíbulo do edificio.

O 98% recomendaríanlle a outra persoa vivir a experiencia de comer un cocido en Lalín, mentres que o 86% cualifica o servizo prestado nos establecementos como moi bo. Francisco Vilariño sinala que os “magníficos resultados do XIX Mes do Cocido non fan máis que mostrar que o Cocido de Lalín goza de mellor saúde ca nunca”. Considera que o Cocido “é un éxito colectivo que é posible, en gran parte, grazas ao bo facer da hostalería que coida cada vez máis o prato insignia da gastronomía galega”.