Esculturas

Lalín é terra de artistas e de amantes da arte, e iso nótase nas rúas. Unha boa forma de percorrer a vila é descubrindo as súas esculturas. Algunhas téñense convertido en símbolos do concello, coma a adicada ó aviador Loriga, ou a estatua do porco.

 

Unhas monumentais, outras discretas, unhas figurativas, outras abstractas. Todas teñen unha historia detrás, anímate a descubrila!

A Laxeiro
Autor
O Vila (Luís Ferreiro)
Ano
1997
Materiais
Pedra
Enderezo
Patio do Museo Municipal Ramón María Aller, Lalín
Coordenadas
42.6611667, -008.1134444

Sobre unha discreta peaña, achamo-la figura do xenial artista Xosé Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro. Retratado con realismo, de pé, coa cabeza lixeiramente levantada e axeitadamente barbeado e ataviado coa súa particular vestimenta: sombreiro, lentes, abrigo e tapabocas. O artífice desta imaxe deixou ó pintor coas súas habilidosas mans metidas dentro do gabán, dándolle abeiro nun recanto apacible no que, aínda dende lonxe, pódenos sorrir a todos. Esta obra de sólidas formas na percura do modelo referente, demosta unha técnica cimentada na tradición, evidenciando o empeño deste canteiro formado na comarca de Deza. Esta escultura ven a sumarse ás numerosas homenaxes tributadas polo pobo de Lalín ó seu paisano Laxeiro.

(Texto: Alicia Fernández Dapena)

Imagen A Laxeiro