Esculturas

Lalín é terra de artistas e de amantes da arte, e iso nótase nas rúas. Unha boa forma de percorrer a vila é descubrindo as súas esculturas. Algunhas téñense convertido en símbolos do concello, coma a adicada ó aviador Loriga, ou a estatua do porco.

 

Unhas monumentais, outras discretas, unhas figurativas, outras abstractas. Todas teñen unha historia detrás, anímate a descubrila!

Homenaxe ó labrego
Autor
José Mª Acuña
Ano
1986
Materiais
Bronce
Enderezo
Praza da Vila
Coordenadas
42.6606667, -008.1113611

Esta obra xorde a partir dun pequeno orixinal "Ofrenda de la cosecha" feito anos antes tamén polo mesmo autor. Cara á igrexa parroquial de Lalín, no extremo dun muro de conglomerado de arenisca sitúase unha parella de labregos en actitude de ofrenda e agradecemento. De pé, corpos e facianas de seguro curtidos polo traballo con cadansúa aixada e vestidos coas roupas humildes propias das tarefas do campo. A muller xunta as mans en actitude de oración para dar gracias, namentres o home ofrece os froitos da terra ó ceo; xuntos, ollando cara ó infinito, amósalle a súa gratitude á Natureza. O seu autor que traballa na conxunción de realismo e sentimento, sérvese dun vocabulario académico, debuxando con destreza as anatomías, mais tentando simplificar excesivos detalles folclóricos na roupaxe. O tema costumista enriquécese dunha forte carga espiritual para trocarse en digno testemuño das xentes que traballan arreo no rural galego. Pódese atopar un paralelismo temático coa obra do representante do realismo francés Millet, L'angélus.

Imagen Homenaxe ó labrego