Museos

Como sucede cos agasallos, nos museos o importante está no interior, pero o envoltorio desata a nosa imaxinación tentando anticipar que é o que nos agarda dentro. Un pazo do século XVIII restaurado con gusto exquisito, unha aldea na que contido e continente se funden, a vivenda dun xenio científico, un edificio de vangarda, e ata a propia natureza no seu esplendor fan dos museos de Lalín lugares fascinantes.

No museo Galego da Marioneta achegaraste ó marabilloso mundo dos monicreques. Coñecerás a súa influencia nas culturas de todo o mundo a través de pezas que te farán viaxar polos distintos continentes. No museo etnográfico Casa do Patrón podes comprender como era a vida no rural a través dos seus obxectos de uso cotián, descubrir cos teus fillos o aspecto dunha escola de principios do século pasado, ou ver como eran os cuartos das casas dos nosos devanceiros. No museo municipal Ramón Mª Aller poderás saber mais da vida deste sabio lalinense e da súa contribución á astronomía.

Admirarás unha escolma da obra dun dos pintores galegos mais recoñecidos, José Otero Abeledo “Laxeiro”, e desfrutarás das exposicións temporais de arte que periodicamente teñen lugar no museo. Os castros da comarca de Deza, as súas lendas, e a súa relación coa gastronomía actual teñen protagonismo no centro Castrodeza. E finalmente, o Museo da Paisaxe, onde o material exposto son as montañas, os prados, os ríos, as vivendas e as granxas... e todo ¡a tamaño natural!

Museo galego da marioneta

Ao longo deste museo, as visitas percorrerán o mundo máxico dos monicreques e marionetas a través das salas de exposicións permanentes e temporais, ademais atoparán unha das bibliotecas especializadas mais completas do Estado, con libros, carteis, fotos, vídeos, etc.

A xénese deste recinto remóntase ao ano 1998 data na que se fixo no Museo Municipal “Ramón Mª Aller” unha exposición conmemorativa do décimo quinto aniversario da estrea do primeiro espectáculo da compañía “Viravolta Títeres”.

No ano 2001, froito dun convenio de colaboración suscrito entre o Concello de Lalín e Viravolta Títeres inaugúrase o Museo Galego da Marioneta como espazo permanente para mostrar a colección de monicreques, pero tamén para fomentar o goce, investigación, estudo e recuperación da arte dos títeres. Así, o museo vai ampliando os seus fondos coa incorporación de novas pezas, libros, vídeos e outros materiais sobre esta materia, converténdose en referencia ineludible para todos os interesados no mundo do monicreque; mantén unha programación estable cara ao público, organizando talleres de iniciación, cursos para profesionais dos monicreques e da educación e mostras de teatro de monicreques e outras actividades coma o Titerentroido,Titirideza, Ruada e Cantos e Contos do Nadal.

En setembro de 2014, traslada a súa sede ao Pazo de Liñares, onde está ubicado actualmente.

Atención! as exposicións do Museo da Marioneta non son visitables neste momento.

Axenda
De martes a xoves: 11:00 a 14:00, 17:00 a 20:00
De venres a domingo: 11:00 a 14:00, 17:00 a 21:00
Luns pechado:
Visitas
De balde. Grupos con reserva previa.
Enderezo
Liñares, s/n - 36512 Prado (Lalín)
Teléfono
986 784 694
Correo electrónico
museodamarioneta@lalin.gal
Sitio web
Coordenadas
42.6800278, -008.1916000
Imagen Museo galego da marioneta